Tuesday 07 de May de 2024

O xurado que avaliará os 14 proxectos que optan a deseñar o novo mercado de Santa Lucía reunirase o vindeiro venres 28 de abril


O autor ou autora do proxecto gañador encargarase tamén da redacción dos proxectos básicos e de execución, así como da dirección de obra, para o que se prevé un investimento máximo de 473.000 euros

O xurado que determinará a proposta gañadora do concurso de ideas convocado para rehabilitar o mercado de Santa Lucía reunirase, en primeira instancia, o vindeiro venres 28 de abril.

Neste sentido, cabe lembrar que os proxectos que toman parte na convocatoria, un total de14, optan a redactar o proxecto de reforma e rehabilitación do mercado, situado no barrio da Falperra. A intervención, que contará cun investimento de 3 millóns de euros por parte do Concello, prevé unha remodelación da instalación para que funcione posteriormente como centro cívico, centro de saúde e tamén como mercado —reserváronse 400 metros cadrados do inmoble para este uso específico—.

O xurado está composto por oito persoas —un presidente, seis vogais e un secretario—.
Tres dos integrantes están adscritos ao Concello da Coruña e outros dous arquitectos ao Sergas. Completan a nómina de integrantes do xurado un profesional asociado ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e outro da Escola Técnica Superior de Arquitectura, ambos os dous como vogais.

O concurso de ideas: 45.000 euros en premios

As bases administrativas do concurso de ideas para rehabilitar o mercado de Santa Lucía aprobáronse o 15 de febreiro en Xunta de Goberno Local, coa posterior apertura dun prazo de 45 días naturais para que as persoas concursantes fixesen entrega das súas respectivas propostas, prazo que rematou o día 3 de abril. Tras esta fase, validouse a documentación presentada por un total de 14 participantes.

As bases deste concurso de ideas establecen a redacción completa do proxecto básico e de execución para a rehabilitación do edificio, incluíndo o estudo de seguridade e saúde, así como o de xestión de residuos e das certificacións enerxéticas precisas para que a instalación siga os estándares marcados pola normativa da UE.

Destínanse un total de 45.000 euros ao concurso de ideas do que sairá o proxecto de Santa Lucía. Haberá un primeiro premio de 20.000 euros, un segundo de 15.000 euros e dous accésits de 5.000 euros cada uno.

O autor ou autora do proxecto gañador encargarase tamén da redacción dos proxectos básicos e de execución, así como da dirección de obra, para o que se prevé un investimento máximo de 473.000 euros.